A Xunta colabora co Consello da Avogacía Galega na atención xurídica a menores de idade vítimas de situacións de violencia

A colaboración neste eido busca garantir que as persoas nesta situación dispoñan sempre dun profesional da avogacía que as asista e acompañe nos órganos policiais e xurisdicionais

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo abordou nunha recente reunión coa presidenta do organismo outras liñas de colaboración neste ano en apoio á asistencia xurídica por requirimento xudicial, a persoas xurídicas en procedementos penais e a vítimas de violencia sexual

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2023

A Xunta colabora co Consello da Avogacía Galega na posta en marcha de accións dirixidas á atención xurídica a persoas menores de idade vítimas de violencia e á formación de avogados e avogadas neste ámbito. Deste xeito, os menores que sofren estas situacións disporán sempre dun profesional especializado que lles preste unha atención integral e un acompañamento legal gratuíto ante os órganos policiais e xurisdicionais durante as primeiras dilixencias.

 

Así, ao igual que os profesionais da quenda de oficio, neste caso tamén se ofrecerá unha formación específica sobre o tratamento cos menores de idade vítimas de situacións de violencia aos letrados especializados neste servizo que o Consello da Avogacía Galega debe ter dispoñible todos os días do ano as 24 horas. Para garantir esta dispoñibilidade, o Goberno galego colabora na formación destes profesionais e facilitará material formativo sobre a erradicación da violencia nos menores adolescentes.

 

Trátase dunha das liñas de colaboración abordadas nunha reunión recente entre o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, coa presidenta do organismo, Lourdes Carballo.

 

No encontro tamén se trataron outras dúas vías de colaboración co Consello da Avogacía renovadas este ano e destinadas a, por unha banda, compensar os custos da asistencia xurídica gratuíta por requirimento xudicial nun procedemento penal cando as persoas físicas ou xurídicas defendidas reúnan certos requisitos e, por outra, ao desenvolvemento de accións de protección profesional a vítimas de violencia sexual.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/05/2023