O obradoiro está impartido por Gonzalo Abelairas
Un cuadrimestre máis, a aula de gaita e percusión trae a música tradicional galega ao campus
O grupo está formado por unha ducia de persoas
Entre a oferta de obradoiros de extensión universitaria que cada cuadrimestre organiza a Vicerreitoría do Campus de Ourense, con financiamento da Deputación Provincial, está un dedicado á música tradicional galega. Desde finais de febreiro e ata mediados de maio, un grupo de dez persoas melloran nel os seus coñecementos de gaita e percusión.
Dirixida polo músico Gonzalo Abelairas, esta aula de música tradicional galega é xunto ás aulas de teatro e danza do campus de Ourense, unha das propostas que conta nesta programación de extensión universitaria cunha traxectoria máis duradeira e cun público máis fidelizado, celebrando xa a súa décimo segunda edición consecutiva. Polo seu carácter práctico, a matrícula neste obradoiro estivo de novo restrinxida a dez prazas, completándose todas elas, principalmente con persoas que repiten de edicións anteriores deste obradoiro e que desexan continuar un curso académico máis ampliando os seus coñecementos de gaita e percusión.
O obradoiro conta con 30 horas de formación e como lugar de celebración principal o pavillón de estudantes do campus, onde se desenvolven as clases cada xoves pola tarde. Os seus contidos están enfocados tanto ao alumnado de iniciación como ao de perfeccionamento e nas sesións as e os participantes divídense en grupos atendendo ao seu nivel de coñecementos previos e ao instrumento que tocan, compartindo noutros momentos sesións conxuntas. Na actividade, sinala o seu responsable, continúase traballando arredor dos contidos de anos anteriores e, segundo o nivel do alumnado, afóndase no coñecemento da gaita galega, abordando aspectos como as técnicas de gaita, os tipos de dixitación, o repertorio, a afinación ou a ornamentación, ademais de achegarse a diversos aspectos da música tradicional. Este curso académico, como novidade, ofértase tamén formación en percusión dentro do obradoiro.