DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Arrancará este xoves 17 de febreiro cun relatorio de Xavier Eekhout 

Un ciclo de seminarios para afondar no Selo Europeo de Recursos Humanos en Investigación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
DUVI 15/02/2022

Desde o ano 2017, no que acadou o recoñecemento da Comisión Europea polas súas políticas de recursos humanos, a UVigo desenvolve a Estratexia de Recursos Humanos na Investigación (HRS4R). O recoñecemento, que parte da aprobación por parte da Comisión Europea no ano 2005 da Recomendación relativa á Carta do Investigador e o Código de Conduta para a Contratación de Investigadores, ten a finalidade de contribuír ao desenvolvemento dun mercado laboral europeo atractivo para o persoal investigador.

Inmersa no proceso de reacreditación, dado que o recoñecemento debe renovarse cada cinco anos, a UVigo organiza desde este xoves un ciclo de seminarios en liña sobre o Selo Europeo de Recursos Humanos en Investigación (HRS4R), co obxectivo de dar a coñecer as boas prácticas e iniciativas que a institución académica viguesa está a desenvolver, desde o ano 2017, ao abeiro deste proxecto.“Esta acreditación recoñece o esforzo que a UVigo está a facer para ser un lugar máis atractivo para os investigadores e para desenvolver os estándares europeos en materia de investigación”, destaca Belén Rubio, vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo.

O coordinador da rede Euraxess España inicia o ciclo

O ciclo comezará este xoves 17 de febreiro ás 12.00 horas cun relatorio en liña de Xavier Eekhout Chicharro, coordinador da rede Euraxess España e membro da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt). Na súa intervención, titulada La carrera profesional en investigación: herramientas para su desarrollo, Eekhout abordará, entre outros aspectos, o desenvolvemento da carreira profesional en investigación e as ferramentas de apoio que proporciona a rede a través do programa de mentoring Rebeca. 

Á intervención deste xoves, que se poderá seguir a través do Campus Remoto da UVigo, seguiranlle outros cinco relatorios impartidos por diversos especialistas que repasarán os principais beneficios e actuacións da acreditación. Ao remate do ciclo de seminarios as persoas asistentes recibirán un certificado de asistencia.