DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa xa conta cun grupo estable de membros

18 persoas participan este cuadrimestre na aula de danza contemporánea

A súa directora é a bailarina e coreógrafa Nuria Sotelo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 15/12/2022

Desde o pasado 11 de outubro, a Aula de Danza Contemporánea do campus de Ourense desenvolve un cuadrimestre máis a súa actividade no marco da programación de obradoiros de extensión universitaria que organiza a Vicerreitoría do Campus de Ourense, con financiamento da Deputación Provincial. Nesta ocasión son 18 as persoas inscritas, membros da comunidade universitaria e de fóra dela.

A iniciativa está dirixida por Nuria Sotelo, bailarina e coreógrafa compoñente habitual do elenco de Matarile Teatro, fundadora da compañía de danza Licenciada Sotelo e impulsora e coordinadora do espazo de creación artística e acción social no rural alaricano A Casa Vella. A aula, indican desde a súa organización, celébrase cada ano para dar formación ás persoas interesadas no traballo creativo a través do corpo e o movemento, achegándolle ferramentas de técnicas de danza contemporánea como release, flying low, gaga technique ou body weather e traballando a creación escénica e coreográfica.

Mellora das capacidades e creación de comunidade

A danza, sinalan desde a aula, é una das disciplinas artísticas que máis favorecen o benestar global das persoas, xa que traballa coa unión do corpo, a mente e a emoción dun xeito creativo. Ao mesmo tempo, subliñan que é unha fantástica ferramenta comunitaria e educativa. Os espazos de danza universitarios, engaden, foron aparecendo nos anos 90 do século pasado ao longo da xeografía do estado español coa filosofía de achegar a danza aos membros da comunidade universitaria, creando pontes e relacións a través dos profesionais da danza e o público da comunidade. Os seus obxectivos diríxense tanto á investigación, como á creación, á aprendizaxe, ao fomento de públicos para a danza e ao uso desta arte como ferramenta comunitaria, social e educativa. “Son espazos que favorecen a comunicación con outras universidades, a creación de redes de intercambio e exhibición con outros espazos similares, a cohesión entre os distintos colectivos que conforman a comunidade universitaria e a súa apertura cara a cidadanía”, apuntan dese a aula ourensá.

Cada martes e mércores, as e os inscritos nesta actividade danse cita na ludoteca universitaria. Ao redor desta aula, destacan desde a súa organización, tense formado “un grupo estable de persoas que ano tras ano melloran as súas capacidades físicas e interpretativas en escena; ademais de crear unha comunidade como público de danza”. Nesta edición, o proxecto traballou para ter un maior achegamento ao alumnado universitario así como favorecer a relación interxeracional, tanto de fóra como de dentro da comunidade universitaria, sendo o único requisito para participar sentir interese pola danza, o movemento e a creación coreográfica.

Alén da formación que se desenvolve semanalmente en instalacións universitarias, entre as actividades realizadas pola Aula de Danza Contemporánea do campus este cuadrimestre está recentemente unha actividade de mediación do artista residente na Casa Vella Javier Martín, que consistiu “na práctica compartida ao redor da investigación que o artista está levando a cabo para a creación da obra O punto impropio”. “Indagouse na percepción física e auditiva do propio corpo e a interacción con outros corpos; usando tamén diapasóns como xeradores de vibración e movemento. Javier Martín compartiu toda a súa investigación ao redor dos sons do estremecemento da carne e as vísceras e a súa experiencia con científicos, como por exemplo as investigacións dentro dunha cámara anecoica ou o rexistro dos sons do corpo con diferentes tecnoloxías”, resumen desde a organización da aula.