Cumio eurocomunista en Madrid

Siro
Siro IMAXES DA TRANSICIÓN

OPINIÓN

08 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O PCE non podía celebrar un congreso en España, como fixeran Alianza Popular, o PSOE e a Federación Demócrata Cristiá; pero os dirixentes arranxaron, o 3 de marzo de 1977 -catro días despois da entrevista secreta de Santiago Carrillo con Adolfo Suárez-, o que os medios de comunicación chamaron «cumbre eurocomunista en Madrid».

No hotel Meliá Castilla -o mesmo que acollera os actos das outras organizacións políticas-, o secretario do Partido Comunista Francés, Georges Marchais, e o do Partido Comunista Italiano, Enrico Berlinguer, reuníronse con Santiago Carrillo, nun acto de apoio ao PCE e a prol da súa legalización.

Carrillo tivo especial interese en salientar que a reunión non tentaba presionar á Administración de Xustiza española: «Por qué vamos a pensar -dixo- que la decisión del Tribunal Supremo será negativa? No me planteo tal posibilidad, porque tengo plena confianza en el criterio de justicia de los componentes del Tribunal Supremo». A reunión, na que, ademais dos líderes, participaron outros sete membros dos tres partidos, aproveitaríase para discutir os problemas da liberdade, xa que todos rexeitaban o stalinismo e condenaban a falta de liberdades na Unión Soviética.