As zocas son «fashion» en Ferreira

INMACULADA EIROA O VALADOURO / LA VOZ

A MARIÑA

Outro deseño máis moderno de zocas.
Outro deseño máis moderno de zocas.

Luciron dende a clásica chinela, á zoca-plataforma, pasando pola Nike-enxebre

22 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende Ferreira do Valadouro para o resto do mundo. O desfile de zocas do Mercado de Primavera pode seguirse de varias maneiras, a pé de pasarela, ou polas pantallas dos portátiles, onde os morriñentos da terra e os curiosos repasaban o «book» de fotos de Pepa Losada.

Corenta e sete participantes nesta edición. Gañaron, en categoría infantil, Mateo Vázquez e Lucía Martínez. En adultos, Simón Maseda e Cristina Fernández.

Quen non pase ese día por Ferreira no se pode nin imaxinar o que pode dar de si unha zoca. Das maos do zoqueiro Alberto Geada saíu practicamente todo calzado tradicional que se subiu á pasarela ou se veu na rúa. Algún modelos, como a zoca-plataforma que luciu a dona de Piribí, xa llas tiñan encargadas hai un par de anos. Neste caso, dixo, o conxunto pasou do mundo da alta costura á pasarela popular. Tamén fixo o pedido con tempo Simón, a quen lle confeccionou unhas zocas «brutas» que transformou o cliente en horas libres, nunha versión enxebre con logo Nike. De todo o que se veu, Geada decántase pola chinela que luciu a irmá da gañadora, con garbo e saleiro, a pesares da dificultade da peza, que hai que levar moi a pe de chan.

E qué dicir das zocas primaverais, tuneadas de flores; das coloristas; das que acompañou unha das modelos con leguins; das talladas; das de debuxos xeométricos. E das que había pola rúa.

Todo Ferreira era unha festa. Para os locais houbo tamén premios. O Venezuela, gañou entre os de hostalería, e A Taberna de Rouco no apartado de comercio.