Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Afondar no kyrios

Transmitindo valores

Afondar no kyrios

A fraxilidade do cristal, como metáfora da debilidade humana, revélase nos cinco contos que compoñen unha das últimas entregas que Silvestre Gómez Xurxo vén de publicar na colección "Fóra de Xogo" de Edicións Xerais de Galicia dunha forma sorprendente que vai máis alá do puramente anecdótico e que afonda no kryos grego -base da palabra cristal- ao aludir á formación de xeo a partir da auga. Porque se falamos da falta de sensibilidade do pai de Suso en "O ratiño negro", a vida que levan as irmás Nerea e Lorena en "O ratiño branco", a friaxe que sente Amando en "O gato negro" ou a mesquindade dos compañeiros de Rafael en "Gulag de galgos", temos que aceptar que na base das historias que se narran subxace unha sorte de frialdade que converte as persoas en impermeables a calquera estímulo afectivo -ou de calquera outro tipo- que proveña do exterior.

Todas elas son historias nas que está presente a cara máis perversa dunha sociedade que posúe múltiples fendas por onde se coan comportamentos obsesivos, frustracións persoais, soños malogrados ou metas non acadadas.

Agora ben, como contrapeso ás situacións negativas ou delicadas aflora a palabra amable dunha nai que se acolle ao optimismo como filosofía de vida, a protección dunha irmá que está atenta ao que sucede ao seu redor, á búsqueda da verdade e da xustiza como práctica educativa ou o sentido común en circunstancias difíciles, que lle confiren ao libro unha amosfera cordial na que, a pesar das dificultades, as persoas superan os atrancos e seguen o seu camino.

Pola súa parte, a plasticidade coa que o autor expresa o decorrer dos acontecementos, evitando os xuízos e prexuízos e apostando pola dignidade humana, encárgase de motivar o lector ao que practicamente obriga a reflexionar sobre condutas, actuacións ou formas de proceder.

Trátase dun libro no que a sorpresa, como estado emocional resultado de algo inesperado, deriva da crueza dos feitos e ao mesmo tempo da naturalidade das súas respostas.

Esta consideración non é allea á obra de Gómez Xurxo, porque noutros títulos como Deixao medrar, Ti non xogas ou Todo vai ir ben advírtese esta tendencia do autor a transmitirlles aos mozos certos valores, que ben poderían aprehender os adultos; un esforzo propiciada quizais polo seu labor de mestre durante varias décadas.

SILVESTRE GÓMEZ, X., De cristal, Ed. Xerais, Vigo, 2015, PVP. 11, 80 ?

Compartir el artículo

stats