Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Nova temporada de ‘Estache bo’ con novidades na cociña

Miguel Mosteiro ponse ao mando dos fogóns na TVG con receitas sinxelas para toda a familia, cheas de sabor e de produtos galegos

O equipo do Estache bo! xa ten todo preparado para comezar este luns a emisión de novos programas na Televisión de Galicia, cheos de sabor e produtos galegos. Desta volta, con Miguel Mosteiro manexando potas e tixolas para facer cada día, de luns a venres, pratos fáciles de reproducir en calquera fogar.

Este cambadés, afincado en Boiro, leva toda a vida na cociña, unha paixón que converteu en profesión.

E chega disposto a ensinarlle ao público como converter uns cantos ingredientes, habituais nas neveiras e despensas, en auténticos manxares que gustan a grandes e pequenos. Ademais de trucos que farán a vida moito máis doada a todos os que permanezan atentos á pantalla.

Por suposto, Miguel non estará só. Rafa Durán, o reporteiro recadeiro que percorre Galicia buscando todo tipo de ingredientes para as receitas, continuará incansable o seu labor. Sempre cun sorriso na cara e o humor por bandeira, complementará á perfección o cociñeiro como valedor dos produtos da nosa terra.

E, como non hai casa sen unha boa veciña, Isa Villanueva seguirá fiel á súa visita diaria ao Estache bo!.

Esta polifacética muller aparece cando menos o esperas e tanto pode axudar a Miguel a pelar patacas como darlle consellos de beleza. Imposible aburrirse na cociña.

Cos pés na terra vai combater as velutinas, e vaino facer da man de Lolo, experto en pragas, co que se comprobará que os métodos non deixan de evolucionar e que a seguridade é o primeiro.

Tamén na presente edición coñecerase a Fran e Sonia, dous labregos que non entenden a súa profesión sen a experimentación que leva a descubrir sabores diferentes.

Falarán de produtos da horta como o tomate branco ou a berenxena chinesa.

E no programa deste luns haberá unha cita con David, un gandeiro recente que puxo na súa aldea vacas cachena, abellas e ata un ximnasio na palleira, convertendo o seu espazo nun lugar único.

No Día de San Valentín, A revista interesarase pola venda de flores e polas variedades máis demandadas nesta xornada, en directo, desde unha floristería de Compostela. Tamén, na compaña do médico Manuel Viso, o programa conversará no estudio co neurobiólogo e catedrático de Bioloxía Celular na Universidade de Salamanca, José Ramón Alonso, sobre o libro que acaba de publicar, El cerebro enamorado, en que o autor intenta explicar o funcionamento dos mecanismos neuronais do amor.

Outra das conexións en directo dirixirá a atención do magazine cara á Coruña para falar co presidente da Asociación de Veciños do Orzán, José Luis Méndez, xa que por mor da queixa presentada polos propietarios deste barrio, que denuncian ruído nocturno nas rúas, a Valedora do Pobo esixiulle ao Concello coruñés que lles dea unha resposta nun prazo de quince días.

Loly Gómez recibirá no estudio a Elisardo Becoña, da Unidade de Tabaquismo e Trastornos Adictivos da Facultade de Psicoloxía da USC, e a neumóloga do CHUAC Ana Souto, sobre a adicción ao tabaco e os tratamentos que axudan a deixalo.

14 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.