As castañas de Alibos, Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

Imaxe das instalacións de Alibos © Alibos

A empresa de Monterroso Alibos Galicia é a gañadora da XIV edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, tal e como decidiu o xurado este mércores na sede da Vicerreitoría da USC, no campus de Lugo. Alibos dedícase desde 1968 á elaboración de castaña pelada e conxelada fundamentalmente. De feito, procesa en fábrica máis de 6.000 toneladas ao ano, das que 5.000 se destinan ao consumo humano e o resto son para a alimentación de porcos da categoría Selecta de Coren.

Alibos dedícase desde 1968 á elaboración de castaña pelada e conxelada fundamentalmente

No ano 2010 iniciaron o Proxecto Soutos, a través dun convenio firmado coa Deputación Provincial de Lugo. Trátase dunha iniciativa coa que se pretende revalorizar o medio rural galego rendibilizando os soutos, os bosques autóctonos, ao mesmo tempo que se loita co despoboamento rural. A través deste proxecto, Alibos firma un contrato cos propietarios dos soutos para proporcionarlles un servizo integral, desde o asesoramento antes da plantación ata a comercialización, pasando polas fases intermedias de plantación profesional e recollida mecanizada. Nestes tres anos, xa son 225 as hectáreas incluídas nese proxecto, 200 de nova plantación e 25 de recuperación do souto.

Outros seis proxectos competiron este ano polo Premio Aresa, “todos eles de gran interese para a economía rural galega”, como salientou o presidente de Aresa e cofundador do premio, Álvaro Rodríguez Eiras.

Outros seis proxectos competiron este ano polo Premio Aresa, “todos eles de gran interese para a economía rural galega”

A gandeiría Quintián, que comercializa a súa propia marca de leite fresco pasteurizado a través de máquinas expendedoras, e a asociación de criadores de razas autóctonas de Galicia, Boaga, foron dúas das finalistas, ás que se sumaron catro proxectos de investigación: o de creación de empresas de cultivo de Árnica Montana en Galicia para o abastecemento da industria farmacéutica europea, a cargo de Geneaqua, S.L.; o da veterinaria María Aurora Estrada Fernández, co que pretende a identificación animal por ADN como base para que os produtos cárnicos acaden a trazabilidade total, aumentando deste xeito a seguridade alimentaria; o estudo de Marcos Vázquez Marey sobre as casas de labranza galegas, e o proxecto Viñas Atlánticas, un aplicativo web que se concibe como unha ferramenta ideada para combater enfermidades propias dos viñedos e axudar a optimizar a aplicación de produtos fitosanitarios.

Imaxe das instalacións de Alibos © Alibos
Lectura dos gañadores do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.