O temporal alagou por terceira vez en nove días os mesmos puntos de Santiago

Margarita Mosteiro Miguel
Marga Mosteiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIDADE

O peor estivo na rotonda do Vieiro, na rúa do Franco e nas piscinas de Sar; mentres que o vento tirou árbores e causou danos nos tellados de edificios de Santa Marta, Fontiñas e o Ensanche

28 oct 2023 . Actualizado ás 21:05 h.

A intensidade da choiva deste sábado foi menor que a rexistrada o pasado día 19 de outubro, cando caeron máis de 25 litros por metro cadrado en só dez minutos, pero aínda así a rúa do Franco volveu emular a unha canle de Venecia, e as inundacións regresaron á rotonda do Vieiro (Fontiñas), ao paso inferior do Camiño Francés, á rúa Castiñeiriño, á contorna das piscinas de Sar, á rúa Clara Campoamor e á AG-56; e novamente formáronse grandes bolsas de auga na avenida de Lugo, rúa de Touro, Vía Pasteur (polígono do Tambre), estrada de San Lourenzo e no Restollal. Trátase das terceiras inundacións que se rexistran nos mesmos puntos da rede viaria de Santiago nos últimos nove días.

XOAN A. ADOITAR

Os fortes refachos de vento da borrasca Celine causaron danos nos ferros dos tellados de varios edificios nas avenidas Bilbao e Barcelona, na praza de Ponche Castro, en varios bloques de Fontiñas, e nas rúas Xoana Nogueira e Pérez Constanti. O refacho máis forte foi de 91 quilómetros por hora, ao redor das dez da mañá; e ata as primeiras horas da tarde anotáronse rexistros de entre 60 e 79 quilómetros por hora.

XOAN A. ADOITAR

Os bombeiros tiveron que acudir aos puntos alagados para evacuar auga e a varios edificios para retirar ferros soltos, pero tamén foron á avenida de Castelao, Laraño, Villestro, Aríns, Pedroso, Monte de Conxo e Conxo de Arriba ante o aviso de árbores caídas sobre a calzada ou ao detectarse outros danados con risco de que puidesen derrubarse. Así mesmo, os servizos de urxencia foron alertados da caída de poste telefónico no lugar de Fraiz, na parroquia de Villestro, a última hora da mañá deste sábado. 

XOAN A. ADOITAR

Bombas de achique

Os 16 litros por metro cadrado que caeron entre as 13.10 e as 13.20 horas, que subiron ata os 18 ás 13.30 e a 20 deces minutos despois, causaron a inundación no restaurante O Portón, da rúa do Franco, que xa se alagou os días 19 e 26 de outubro. Francisco Ríos, propietario do establecemento, asegurou que este ano van doce inundacións. A auga entrou e chegou ata o final do baixo, acadando uns vinte centímetros de altura. Ríos explicou que se puxeron a funcionar dúas bombas de achique para sacar a auga cara a Fonseca. A rápida reacción do persoal do local evitou que a riada alagase tamén outros baixos comerciais da rúa, nos que en prevención se colocaron táboas nas portas para pechar o paso á riada.

Francisco Ríos explicou que, fai cinco anos, técnicos de Viaqua sacaron da tubaxe de canalización, en Fonseca, grandes tacos de xabón: «Dixéronme que ao recoller a auga dos restaurantes de toda a zona se forma esa especie de tacos que reduce o paso da auga». O hostaleiro pediu, o pasado mes de maio, que se volvese limpar a canalización para ampliar o diámetro da tubaxe, o que «evitará a inundación da rúa», insiste Ríos.