Alice Austen: Desfacer o xénero

Loli P., participante do club de lectura, comparte connosco a información da exposición Alice Austen: Desfacer o xénero, que se pode ver no Museo Quiñones de León de Vigo ata o 31 de marzo de 2024. Alice Austen (1866 – 1952) foi unha das primeiras e máis prolíficas fotógrafas dos Estados Unidos; “unha artista cunha forte sensibilidade estética e unha rebeldía que rachou coas limitacións da vida vitoriana”, segundo recolle tamén o propio catálogo desta mostra, que formou parte da última edición de Photoespaña e se presentou en Madrid no Museo Nacional do Romanticismo, e que chega agora ao Pazo de Castrelos na única itinerancia a nivel español que se fai dela.

A súa fotografía sitúaa especificamente nun contexto contemporáneo como a muller moderna que foi e como quería ser representada. A imaxe provocativa e altamente escenificada de Austen e as súas amigas máis próximas demostra a sensibilidade de Alice ao desafiar os roles de xénero.

En xuño de 2017, Alice Austen House, onde Austen e a súa compañeira de vida, Gertrude Tate, viviron xuntas durante case 30 anos, quedou asignada nos Estados Unidos como un espazo emblemático da historia LGBTIQ+.

Aos 11 anos, Alice Austen recibiu do seu tío un aparello fotográfico e axudada por outro familiar, un profesor de química, aprende desde moza a teoría necesaria para realizar as fotografías. A invención fascinoulle inmediatamente e dedicou 40 anos da súa vida a unha produción constante que deixou máis de 8000 imaxes.

Austen non foi só fotógrafa; foi unha muller independente con varias facetas: “paisaxista, atleta e tenista recoñecida, un punto importante na súa traxectoria, que revela os seus posicionamentos na sociedade en que vivía” Un grupo importante de imaxes foi as que realizou para Maria Ward no seu libro Bicycling for Ladies, tamén polo seu valor simbólico, xa que a bicicleta quedou como un factor clave e amplamente recoñecido por despexar o camiño cara ao sufraxio feminino nos Estados Unidos.

Victoria Munro, directora da Casa de Alice Austen, recolle así o contido desta mostra: “As imaxes de Alice Austen (1866-1952) achégannos a experiencias alleas aos roles impostas ás mulleres da súa época. Austen tivo a oportunidade de desenvolver a súa identidade a partir das súas necesidades, gustos e inclinacións. Foi unha precursora da liberación das mulleres e viviu e traballou á marxe do papel que a sociedade estipulaba para elas. É recoñecida ademais como unha das pioneiras na historia da fotografía de Estados Unidos.

No contexto de finais do século XIX, durante a época vitoriana, caracterizada por ríxidos costumes, Alice Austen creou coas súas amigas e a súa compañeira accións performativas que cuestionaban os roles de xénero. Tanto nas súas series como nas fotografías realizadas para o libro Bicycling for Jadies revelase a posición vangardista de Austen fronte á sociedade na que lle tocou vivir.

A exposición é un relato máis na construción dun imaxinario colectivo que reflicte sinais do proceso de transformación social. Ademais, amplía o arquivo simbólico e mostra o poder das imaxes na deconstrución de estereotipos e normas. A medida que se consolidan as convencións, tamén é posible desfacelas”.

A exposición pode visitarse no Museo-Pazo Quiñones de León (rúa do Pazo, 1, Castrelos, Vigo) ata o 31 de marzo de 2024; en horario de martes a venres (laborables) de 10.00 a 14.00 horas, os sábados de 17.00 a 20.00 horas, e os domingos e festivos de 11.00 a 14.00 horas.

Material complementario:

Deixar un comentario

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos