SEGURIDADE CIDADÁ

Álvarez-Santullano destaca os bos resultados das políticas municipais para minimizar os efectos do botellón e acoutar o problema

22/04/2009 A concelleira de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano, defendeu en rolda de prensa as diferentes políticas postas en marcha polo Goberno municipal para "minimizar os seus efectos e ir acoutando o problema". Segundo dixo, "ese é o camiño" para reducir o botellón, algo que se ten constatado ao comparar as cifras coas de hai un ou dous anos.

Álvarez-Santullano recordou medidas como a Ordenanza de Limpeza e Convivencia ou a creación do Foro polo Civismo. Precisamente deste foro saíu a proposta de prohibir a venda de alcohol dende as 22:00 ás 8.00 horas, medida que entrou en vigor o venres 17 de abril. Fronte a declaracións que cualificou como "demagóxicas", a concelleira animou a "remar todos xuntos neste campo", obxectivo co que se creou o Foro.

Apuntou a edil que "ninguén ten unha variña máxica para un problema coma o botellón que non se vai acabar da noite para a mañá". Fronte a isto, afirmou que se ten constatado o éxito das medidas postas en marcha nos últimos anos, como a redución do propio botellón ou a diminución dos danos no mobiliario urbano. En calquera caso, insistiu, a prioridade municipal segue a ser que o botellón non se celebre en lugares habitados e que prexudiquen aos veciños. "Isto conseguiuse grazas ao traballo conxunto e rigoroso da Policía Local e da Policía Nacional", engadiu.

Sobre a relación coa Universidade de Santiago, Álvarez-Santullano lamentou que dende a actual Vicerreitoría de Infraestruturas se teñan abandonado os mecanismos de coordinación que existían co Concello para cuestións coma uso da vía pública ou os horarios. Neste sentido, puxo como exemplo que non se comunique a celebración de determinadas festas que logo provocan un regueiro de queixas dos veciños. Con todo, a concelleira amosou a súa disposición a retomar os contactos coa Vicerreitoría.

Compartir: